Este viveiro é un dos lugares creados a principios do século XX para plantar novas especies forestais alleas ao bosque galego: eucaliptos, piñeiros, abetos, etc... Este tipo de vexetación arbórea empezaba a ser demandada en Galicia polo mercado, de aí que se crearan espazos coma este para subministrar a concellos e empresas a fin de facilitar o repoboamento do monte. Este de Ponte Caldelas está situado a 450 metros de altura nunha zona amesetada e de escasa pendente. Por aquí pasaba o camiño real utilizado polos arrieiros que desde Ribadavia se dirixían a Pontevedra. Hoxe a zona é unha gran área recreativa con orixes na metade de século XX. Podemos ver os bancais e presas construídas en pedra e mesmo a antiga casa forestal. O lugar complétase con mesas e fontes.