Peto de estilo neoclásico que, ao parecer, debemos ao enxeño de Manuel González, o mestre canteiro –discípulo de Cerviño– que tamén labrou o extraordinario calvario situado no adro da igrexa parroquial. O edículo central, de maior tamaño, acolle unha imaxe da Virxe do Carme e un grupo de sete ánimas, en pedra policromada. Un reloxo de sol –que marca o tempo das 6 ás 18 horas– coroa a parte esquerda do frontón semicircular que o remata en altura. Os dous edículos que flanquean ao central son froito dunha reforma posterior promovida por Aniceto Justo Rodríguez en 1988, no centenario da erección da peza orixinal. Antes da súa construción, no seu lugar había dous “cestiños” de cemento nos que as persoas devotas depositaban ofrendas en forma de patacas ou millo polos que despois se poxaba á porta da igrexa para, logo, dedicar misas polos defuntos. Os tres edículos aparecen coroados por tres cruces sen figuración, a central de sección circular e as laterais de corte cadrado. Incorpora dúas lendas:

SE HIZO POR DEVOCION DE JOSE MARIA GARRIDO AÑO DE 1888.

LO QUE AQUISE PASO ES COSA / QUE CAUSA HORROR /
HAI DETISI TECONDENASTESERA / MUCHO / PEOR

No interior do peto central, unha escena do Purgatorio, con almiñas en pena (todos eles homes espidos, incluíndo un relixiosos) suplicando entre labaradas. Sobre elas unha imaxe da Virxe do Carme co neno no colo nun brazo; na outra un escapulario que serve para salvar as ánimas do seus devotos.