Pequeno templo levantado no ano 1892 que presenta planta rectangular, unha soa nave e cuberta a dúas augas. O interior carece de vans, coa excepción dos arcos que iluminan o nártex ou cabido, un espazo semiaberto destinado a celebrar reunións entre os fregueses. O acceso aparece protexido por un grande arco de medio punto. O interior loce un pequeno altar adornado cun retablo de madeira. Á beira do muro norte do adro sitúase un cruceiro de peaña prismática. Érguese sobre unha columna de sección cadrada que logo pasa a octogonal. Tanto a columna como o pedestal son os elementos máis antigos do cruceiro. O capitel mostra unha soa ringleira de follas reviradas no ápice e unha grande voluta en cada esquina. O ábaco, de lados curvos e ángulos en chafrán, ten no medio unha pequena flor de tres pétalos con botón. A cruz, de sección cadrada, leva a cartela de INRI sobre a figura de Cristo crucificado mirando ao norte. Polo reverso aparece a imaxe de Santa Ana e a Virxe nena.