A casa indiana da rúa López Boullosa é unha vivenda unifamiliar exenta construída en granito de moi boa cantaría. Articúlase en dous andares máis un aproveitamento baixo cuberta que presenta como único acceso unha bufarda perforada por unha porta de aire situada no eixe central da fachada. De estilo ecléctico, destaca a utilización dunha coidada e exuberante decoración nos ocos principais do piso terreo, así como na varanda granítica que coroa o andar residencial. O protagonismo da súa fachada céntrase no eixe da composición, onde se sitúan os ocos de maior tamaño, o miradoiro e a bufarda, elementos todos eles destacados en volume e ornamentación.