Miradoiro natural situado a 545 metros de altura que se localiza na parroquia de Barbudo. O seu nome procede da voz latina “captatorius”, que significa atalaia, miradoiro, lugar desde o que se ve lonxe. Desde el temos unha privilexiada vista, en primeiro termo, da aldea de Barbudo e o seu castro (ao Sueste), tamén coñecido como O Castelo (467 m de altura). Tamén podemos gozar dunha espectacular vista do encoro de Eiras –construído en 1977–, que fornece de auga potable á cidade de Vigo, embalsando artificialmente as augas do río Barragán. Ao Norte temos unha preciosa vista, en primeiro termo, da aldea de Rebordelo e 2,74 km máis lonxe, a vila de Ponte Caldelas, atravesada polo río Verdugo. En dirección Suroeste dominamos unha parte da Ría de Vigo, coa Ponte de Rande situada a case 16 km do outeiro que nos acolle.