O gusto indiano materialízase nesta edificación de tipoloxía vilega, fundamentalmente, no extraordinario tratamento das carpinterías e dos miradoiros de fundición do piso superior. Construída entre medianeiras e, na actualidade, agredida polos edificios cos que limita, ocupa unha posición de encrucillada, o que fai dela unha casa moi visible e destacada na escena urbana. Nos seus muros, de excelente cantaría, non podemos deixar de admirar as claves dos linteis do piso comercial, que fan as veces de soporte ilusorio dos balcóns do andar residencial.