Templo barroco dunha soa nave rectangular e unha cabeceira cuadrangular máis alta que a nave. Destaca a súa fachada occidental, aberta ao adro, que se eleva sobre o val do río Verdugo. Ten unha porta alintelada con orelleiras superiores e moldurada en cuarto de bocel e filete. A porta aparece recercada por dúas pilastras de dobre acanalado que sosteñen un friso simple de seis casetóns que serven de base a un frontón triangular que ten no seu centro unha fornela rematada en cuncha de vieira coa patroa do século XVIII. Nos ángulos da fachada sitúanse outras dúas pilastras lisas que ilusoriamente sustentan un muro piñón triangular e unha imaxe no ápice. Apegada ao muro Norte érguese unha torre de dous corpos, o baixo de planta cuadrangular con catro vans acabados en arcos de medio punto e gran balconada voada. No cumio tambor cilíndrico perforado, tamén de catro vans e remate en cupuliña. Os muros exteriores da nave teñen catro contrafortes por cada lado, soporte dos arcos faixóns de medio punto do interior nos que se apoia a bóveda de canón coa que se cobre a nave. Teñen estes muros unha porta por cada lado, a do Sur con orelleiras superiores, e unha xanela no segundo tramo, rectangular e de derrame externo. A cabeceira, cuadrangular, ten unha pilastra de reforzo en cada esquina, sen dúbida para soporte dos arcos cruceiros da bóveda con que se cobre. Ten esta cabeceira apegada unha sancristía no seu lado norte, con cornixa en forma de gran gola.