Ata hai pouco tempo este cruceiro decorábase coincidindo coa festa de San Roque con arcos de flores. Foi levantado sobre catro chanzos no ano 1764, tal e como consta nun epígrafe máis amplo hoxe ilexible. Presenta pedestal cúbico, con arestas superiores achafranadas, columna de sección cadrada primeiro e, logo, octogonal. Baquetón de forma de cordón que precede a un colariño liso. Sobre el un orixinal capitel de volutas esquinadas co símbolo da morte baixo os pés do Crucificado, que se presenta ríxido e inexpresivo, inhumano. Na súa anatomía destaca o seu peiteado: “unha longa espiral que forma un único e groso tirabuzón”, en palabras de Sánchez Cora e Martínez Plasencia (1990). No reverso unha Virxe tallada no mesmo bloque que o Cristo que cobre a súa cabeza cun manto liso que deixa ver os pregues do vestido. De anatomía frontalista e inverosímil, leva no colo o Neno Xesús, cos braciños abertos en actitude xocosa e pousan o peso dos seus corpos sobre a cabeza dun querubín.