Templo de orixe románica e unha soa nave de planta rectangular e ábsida cadrada. O presbiterio loce arco triunfal labrado en aresta viva, con directriz apuntada, e descansa sobre dúas columnas coas basas agochadas baixo o pavimento. A nave conserva no alzado norte unha porta medieval con arco de medio punto e alintelada na súa cara exterior, hoxe ocupada pola sancristía. De forma simétrica pola súa parede norte hai outra porta igual, pero cegada, ao igual que a seteira de derrame interno da ábsida que hoxe oculta o retablo maior barroco. Os muros da nave son enteiramente románicos, aínda que a cuberta foi modificada, ao igual que as fiestras e a capela barroca aberta no seu muro norte. O baptisterio barroco tamén foi engadido durante a Idade Moderna. No ano 1727, segundo consta nunha inscrición dos muros de fábrica, foi labrada a imaxe da Virxe orante que figura na fachada, doada polo abade Clemente Figueroa. Tamén da Idade Moderna data o escudo dos Pazos de Probén que loce unha das súas fachadas. O elemento máis valioso do templo románico datable a finais do século XII ou principios do XIII é a fachada occidental, que conserva na súa porta dúas arquivoltas lixeiramente apuntadas, con baquetón ao exterior e fuste de media cana ao interior; bisel decorado con trazo en zigzag e chambrana de media cana lisa. Na fachada sur poden verse 11 canzorros de perfil de nacela, 2 antigas seteiras, hoxe rectangularizadas e dous grosos contrafortes na zona do presbiterio. Hai poucos anos atopouse a pía bautismal románica, que foi reutilizada como fonte no adro.