“Ai Caritel que perteneze a Caldelas e Caritel que perteneze a Forzáns” escribía o ilustrado Padre Sarmiento entre os anos 1754-1755. A Verea Vella que seguía a Pazos, a Ponte Caldelas e a Pontevedra cruzaba esta carballeira. O 29 de novembro de 1890 creouse a nova parroquia baixo a advocación de Santa María. Durante séculos as carballeiras foron un dos bens máis prezados da veciñanza. Delas extraíase leña para abastecer ás lareiras, trabes para construír casas, a labra de carros e mobles, etc. As pólas novas fendidas servían para facer cestas, pipotes, salgadeiras... e as landras (o seu froito seco, que aparece en grupos de 2 a 4 nos gromos novos) alimentaban os porcos. O carballo común (Quercus robur) é unha árbore de copa alta e ancha que pode alcanzar os 45 m de altura. O tronco é moi ramificado con cortiza de cor acastañada. As follas, de cor verde escura mate con pecíolo curto, son simples e lobuladas, de 10-12 cm de lonxitude e 8 cm de anchura. Esta árbore autóctona é a máis común en toda Galicia, en especial en altura superiores aos 800 m. Florece de febreiro a marzo e a polinización é aérea. É frecuente atopar sobre os carballos distintas formacións –coñecidas popularmente como bugallos ou mazás do cuco– producidas pola reacción da árbore ás postas de diferentes insectos.