A súa fachada é barroca de dous corpos. O primeiro consta dunha porta con orelleiras coroada por unha fornela que acolle unha imaxe pétrea de Sta Catalina de Siena; sobre ela un óculo cunha vidreira policromada coa imaxe de Sta Baia. Este corpo está flanqueado por dúas esveltas pilastras apegadas ao muro. Este corpo está separado do superior por medio dunha cornixa da que sae un frontón partido coroado por unha torre monumental. O frontón aparece flanqueado por dous pináculos e no tímpano volve aparecer a santa titular. A torre do campanario foi construída en 1891 (a anterior foi derrubada por un raio en 1889) e consta de tres corpos. O primeiro forma parte do frontón, mentres que o segundo e o terceiro locen unha balaustrada de pedra. As catro campás sitúase no corpo central, rematado en altura por unha cúpula coroada en pináculo e cruz. No interior do templo destaca un retablo de pedra labrado polo xenio do excepcional escultor Manuel González, autor tamén da fonte da Praza do Bispo, situada no corazón da vila. O adro do templo está axardinado seguindo un estilo francés, que engalana distintos restos arquitectónicos procedentes do templo románico, xa desaparecido. Destaca o cruceiro figurado barroco que se levantou no ano 1692.