De estilo barroco, planta basilical rectangular e bóveda de canón con arcos faixóns, a súa construción data do século XVII. A ábsida presenta planta cadrada, bóveda de canón dividida en cuadrículas decoradas con trísceles, acroterio, acróteras e pináculos de bóla. A sancristía de bóveda de canón. Exteriormente destacan os contrafortes sobre os que descansan os arcos faixóns da bóveda e a torre con forma de pirámide achanzada, de tres corpos e feitura cadrada inspirada no barroco compostelán. O primeiro corpo fai de pequeno nártex, acubillando a porta barroca sobre a que se sitúa unha imaxe granítica de San Martiño, bispo de Tours. O segundo corpo alberga o reloxo de mecanismo manual. Finalmente o terceiro acolle as campás. A ábsida está rematada, exteriormente, por un tellado ameado e gárgolas nas esquinas, e o corpo da igrexa aparece rematado por pináculos. No interior destaca o retablo maior barroco, que se organiza en tres rúas e dúas alturas; aparece dividido por columnas salomónicas que enmarcan unha serie de imaxes barrocas de talla grande, destacando a San Martiño como soldado de cabalería. O retablo rodea un baldaquino que acolle ao santo titular vestido de bispo. O templo tamén posúe dous retablos laterais de pedra de estilo neoclásico, dunha fornela flanqueada por dúas columnas de capitel composto e rematado por un frontón clásico. Está aberta ao público durante as horas de culto.