Os pasos ou poldras son pedras equidistantes en forma de paralelepípedo que se colocaban en vaos naturais dos ríos a fin de que a xente puidese cruzalo facilmente sen mollarse. Por iso as aldeas máis próximas aos pasos levan na súa denominación a voz “porto”, que en galego quere dicir “lugar de paso”. En paralelo ás poldras disponse unha calzada empedrada somerxida que facilitaba o paso de carros de tracción animal. Na marxe esquerda do río localízase un Peto de Ánimas encaixado nun muro baixo e divídese en dous corpos separados por unha moldura recta na parte dianteira. O primeiro corpo é aberto e no seu interior figura unha pequena cartela co nome do devoto que costeou a súa erección: Manuel Cabirta e Concha, veciños de Laxoso de Abaixo. O corpo principal presenta un nicho rectangular que no seu interior se resolve nun arco rebaixado. Unha cornixa moldurada sepárao da parte alta do peto: un xeitoso pedestal coroado por unha sinxela cruz de ferro. O retablo, tallado en madeira, representa a San Antón liberando as almiñas do Purgatorio. A policromía resalta o tormento das labaradas. A caixiña das esmolas é parte fundamental. O día 20 de abril de 1873, na Casa Reitoral de Santa Baia de Ponte Caldelas, Manuel Cabirta, a súa muller María Concha e os seus fillos Xosé e Manuel entregan ao abade desta freguesía, Antonio Martínez Peso, a chave deste peto que construíron e costearon nun terreo da súa propiedade. Confían en que o abade nomee unha persoa responsable que se encargue de recoller e entregar as esmolas para que se destine a sufragar sufraxios polos defuntos.