O concello de Ponte Caldelas presenta numerosos recursos rupestres. Os máis significativos están na parroquia de Tourón onde se atopa un dos complexos de arte rupestre prehistórica ao aire libre máis singulares de Galicia, a Área arqueolóxica de Tourón, un recinto de máis de 150.000 metros cadrados que nos permite visitar cinco estacións con gravados nunha ruta de grande beleza paisaxística. A área Arqueolóxica do monte de Tourón é unha boa antesala para coñecer máis a fondo o sentido dos petróglifos que se despregan por toda a zona. Estes gravados rupestres representan unha gran variedade de motivos que van desde as combinacións xeométricas ata as habituais escenas de caza. Desde o punto de vista compositivo podemos diferenciar a existencia de petróglifos sinxelos, como os círculos de Outeiro da Forcadela, e outros extraordinariamente complexos, como o gran panel da Laxe das Cruces, que contén un numeroso e heteroxéneo conxunto de motivos xeométricos e naturalistas, ou a espectacular escena de caza de cervos gravada en Nabal de Martiño.