Templo barroco construído en cantaría con planta de cruz grega orientada, curiosamente, en sentido Norte-Sur; o brazo maior é da mesma lonxitude que a cabeceira e as dúas naves laterais son lixeiramente máis curtas. O brazo maior e a cabeceira son dun único tramo, con bóveda de canón, arco triunfal e arco de acceso ao cruceiro iguais, de medio punto, lisos, sen basas e capiteis. Os brazos menores carecen de arcos de acceso e as bóvedas inícianse cun resalte directamente no cruceiro, que tamén loce bóveda de canón. Este aparece cuberto cunha bóveda de cruzaría que inicia os seus arcos en ménsulas de ángulo. Ao sur da cabeceira levántase unha sancristía con cuberta de bóveda de canón. O retablo é Neoclásico, cunha fornela central ocupada pola patroa, a Virxe da Inmaculada Concepción, datable no s. XIX. A porta da fachada orientada ao mediodía é rectangular e con lintel. Enriba del ábrese unha fornela sobre unha ménsula e, máis arriba, unha xanela rectangular de dobre derrame. O piñón é triangular, con pináculo no extremo Leste e torre no Oeste. A torre é dun único corpo, coa cornixa apoiada en placas barrocas. Presenta planta cadrada, con catro vans rematados en arcos de medio punto lisos para acoller os sinos, corpo que remata noutra cornixa en gola, con pináculos nos ángulos. Remata o conxunto unha cúpula pétrea sobre tambor e pináculo con cruz de ferro na coroación.