Táboas Veleiro destaca a “utilización simultánea nas fachadas de materiais distintos. Por unha parte a principal constrúese con perpiaños de pedra e o alzado lateral cóbrese de azulexo. O paramento frontal proporcionado sen predominio do oco sobre o muro, xerando as aperturas a partir dun eixe central sobre o que un volume acristalado sobresae na segunda planta. Unha balaustrada con motivos xeométricos perforados en cantaría e rematados nos vértices por ánforas do mesmo material. (...) o elemento máis destacable do conxunto é a pequena bufarda sobre o eixe de simetría cuxo aleiro de cuberta, de cor vermella, é claro exemplo da confluencia e do uso xeneralizado deste remate nas vivendas de brasileiros”. No baixo desta casa construída en 1915 gárdase unha imaxe da Virxe das Dores que é propiedade da familia, de aí a curiosa campá que loce na súa fachada. Durante as festas das Dores, que se celebra a última fin de semana de agosto, a imaxe trasládase á igrexa do Sagrado Corazón, situada ao lado da Casa do Concello. O martes, tamén en procesión, volve de novo á capela-oratorio que se sitúa no baixo da casa.