Situado no adro parroquial, foi levantado en 1833, segundo reza unha inscrición situada no reverso da peaña da cruz principal. Está conformado por tres cruces de granito que aparecen protexidas por unha reixa metálica. Diante delas un pousadoiro ornamental –que xa non se utiliza– no que destaca un fermoso frontal de sinuosas molduras cunha placa en círculo no centro. A cruz central presenta un pedestal cadrado no que aparecen inscricións relativas ao ano de construción, nome do escultor (Manuel González) e do párroco en cada unha das caras. O varal é de base cadrada ata unha altura de un metro; a partir de aquí é de sección octogonal. Na metade do fuste aparece a figura de San Xosé e na parte posterior a de San Xoán Bautista. A cruz é cilíndrica e acolle a figura do Cristo crucificado e, no reverso, a imaxe da Virxe do Rosario. As cruces laterais aséntanse sobre pedestais lixeiramente máis pequenos nos que aparecen os nomes dos ladróns que acompañaron a Cristo no Calvario: Dimas, o bo ladrón, e Giestas, o caco. O fuste da columna é cilíndrico, reducíndose a súa circunferencia no extremo superior. A cruz da dereita é cilíndrica e con nós semellando unha árbore. Xusto a carón da fachada principal do templo érguese outro Calvario granítico, este sen figuración, no que destaca a plasticidade e realismo do sudario que colga do traveseiro.